Comeza a instalación de pavimento deportivo no Pavillón de Ponte Caldelas
Por Redacción
As obras de reforma integral do Pavillón Municipal de deportes de Ponte Caldelas avanzan a bo ritmo, dacordo cos datos que os técnicos facilitáronlle ao alcalde, Perfecto Rodríguez, na visita que realizou acompañado do Xefe de Servizo de Deportes, Daniel Benavides, e da Delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra en funcións, Ana Ortiz.
En concreto, nestes días estase procedendo a instalar o novo pavimento deportivo que será de PVC de 6,5 mm. de espesor. Este pavimento permitirá a práctica de fútbol sala, balonmano, tenis e baloncesto.
Durante este verán construíuse a nova cuberta, cunha estrutura interior de madeira laminada en forma de arco, o que lle dá ao Pavillón, segundo o Concello, "un aspecto moderno" e ademais xa se realizou todo o revestimento exterior, incluída a carpintería metálica. Tamén están rematados os vestuarios e as gradas.
A obra está financiada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e foi adxudicada polo SPI por un importe de 902.551 , en virtude dun convenio formalizado fai ano e medio polo alcalde co seu titular, José Ramón Lete.
As obras iniciáronse no verán de 2011 coa demolición da cuberta e os vestuarios antigos. Unha vez realizadas estas demolicións por parte dos técnicos da obra e da empresa constructora verificouse a necesidade de realizar diversas modificacións técnicas deste proxecto.
Para Perfecto Rodríguez, "o fundamental é poder contar cunha instalación deportiva cuberta totalmente renovada, o que posibilitará a posta en marcha de escolas deportivas noutros deportes, ademais das existentes de fútbol e tenis".
A reforma integral do Pavillón de Deportes de Ponte Caldelas, que tiña unha antigüidade superior a 25 anos e atopábase moi deteriorado, era unha das necesidades que o alcalde leva suscitado á Xunta moitos anos e que agora se fai realidade.