O mercado de Nadal regresa a Vilagarcía a partir do 3 de decembro
Por Redacción
Dezaseis casetas serán as que se instalen este ano no mercado de Nadal de Vilagarcía, que volverá a animar as rúas da cidade durante as festas máis entrañables do ano. Abrirá as súas portas o 3 de decembro e estará operativo un mes, ata o 2 de xaneiro.
O mercado estará situado no ámbito da Praza da Independencia e da Praza de España e estará aberto durante máis días que o ano pasado para crear ambiente e facilitar as compras dos produtos típicos destes días de Nadal.
O horario será 11 a 14 e de 17 a 21 horas todos os días, coa excepción dos días 24 e 31 de decembro, que terá horario continuado de 11 a 18 horas, e do 25 de decembro e 1 de xaneiro, que abrirá unicamente pola tarde, de 17 a 21 horas.
Como medida de apoio ao sector, o Concello non cobrará aos comerciantes polo aluguer das casetas nin pola ocupación do solo. Poderán dispor das casetas durante todo o tempo que dure o mercado ou por períodos mínimos de unha semana, segundo recollen as bases.
Os interesados teñen de prazo ata o 15 de novembro para presentar as súas solicitudes.
O requisito principal para participar é que os produtos que se ofrezan no mercado estean relacionados coa época do Nadal.
Así, admitirase a venta de figuriñas do Belén, árbores de Nadal, flores de pascua, artigos de decoración para as árbores, luces, guirnaldas, coroas, centros e outros ornamentos florais, produtos de artesanía, gastronomía típicos da época como turróns ou mazapáns, artigos feitos a man, bixutería e complementos.
O Concello reservará un número mínimo de postos para actividades de hostalaría, que deberán ofrecer bebidas quentes, tamén propias da época, como chocolate, infusións, cafés, e doces tradicionais para consumo in situ.
Ademais, reservará unha caseta para as ONG e entidades sociais do municipio sen ánimo de lucro, que se irán rotando no posto para poder poñer á venta os artigos que elaboran nos seus obradoiros ocupacionais.