O Concello mellorará o acceso e a seguridade viaria no centro de saúde de Ponte Sampaio
Por Redacción
As melloras na seguranza viaria e a accesibilidade nos puntos de encontro veciñal do rural seguen a estar na orde do día no Concello de Pontevedra.
A última destas actuacións é nas inmediacións do centro de saúde de Ponte Sampaio, onde teñen previsto reordenar os espazos para mellorar a atención das urxencias sanitarias así como a seguridade dos veciños.
Dentro do proxecto está recollida a instalación dun paso de peóns sobreelevado, cuxo lombo xa está instalado, e que exerce, por un lado, de elemento de calmado de tráfico pero tamén permite eliminar os problemas de accesibilidade da zona colocando ao mesmo nivel as beirarrúas e a calzada.
Agora, a empresa constructora rematará as beirarrúas ao longo da vindeira semana ademais de pintar o paso de peóns.
Para poder instalar o lombo, o Concello tivo que pedir autorización á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia que permitiu a súa colocación, decisión que aplauden xa que "habitualmente non autoriza a instalación destes elementos de calmado de tráfico nas súas estradas, aínda que o executen outras administracións".
Finalmente, dentro do proxecto tamén teñen previsto a creación dunha praza de estacionamento exclusivo para ambulancias e, ao seu carón, outra para vehículos de persoas con mobilidade reducida. Ademais mellorarán tamén o espazo no que se sitúa a zona de reciclaxe que está nas inmediacións deste ambulatorio, creando unha plataforma de formigón que facilite o uso.
Para esta serie de actuacións, que está a realizar a empresa Obras, Proyectos y Actividades S.L na parroquia de Ponte Sampaio, invístense uns 31.000 euros.