Os veciños de Poio cometen menos erros ao reciclar latas e briks
Por Redacción
Os poienses cada vez cometen menos erros á hora de reciclar envases no colector amarelo. Segundo Ecoembes, a sociedade que xestiona a recuperación e a reciclaxe dos envases lixeiros no colector amarelo, "o esforzo común de veciños, empresas e a administración municipal logrou seguir a reducir a porcentaxe de residuos depositados erroneamente". No colector amarelo só deben depositarse os envases de plástico, latas e briks.
O concelleiro de Servizos e Sanidade, José Ángel Lodeiro, apunta que "tamén aumentou notablemente a concienciación sobre a necesidade de respetar e coidar o entorno, como se pode ver co incremento de quilos de envases lixeiros correctamente depositados".
Ademais, sinala que Poio se atopa por debaixo da media de residuos impropios, cunha porcentaxe do 19,9 %, cinco puntos menos da media estatal e case 10 puntos menos que a galega, que se sitúa nun 28,4 %. Dun 28,09 % de impropios do 2011, no ano pasado conseguiuse unha reducción de case o 30% de residuos depositados incorrectamente.
Esta mellora nos resultados conseguiuse "grazas á labor cidadá, á maior información da que dispoñen os usuarios, e a un proceso de innovación dos servizos de xestión de residuos".
Desde a concellaría do ramo destácase a mellora na recollida selectiva e engade que continúan a traballar para promover a correcta separación dos envases, xa que é fundamental para garantir a reciclaxe posterior e por conseguinte proporcionar unha maior eficacia ambiental.