A Xunta destina unha achega para remodelar a fachada da praza de abastos de Portonovo
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este venres o mercado de abastos de Portonovo, onde se van por en marcha obras de renovación destas instalacións municipais. Na visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Catalina González, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.
Os traballos consistirán na execución dunha nova fachada na zona das bancadas onde se venden froitas e verdura, que evite a entrada directa do sol, dando así sombra á sección de froitería, así como na construción dun novo almacén a disposición dos comerciantes na zona de acceso.
Trátase da cuarta fase da reforma deste edificio. O proxecto presentado polo municipio para esta fase rolda os 41.000 euros, dos cales, case 31.000 euros serán aportados pola administración autonómica.
"A estas axudas haberá que sumar os 52.600 euros en subvencións que acaban de recibir as asociacións de comerciantes e praceiros desta localidade por parte deste departamento autonómico para a dinamización económica do comercio local", engadiu o delegado territorial.