Limpeza e posta a punto dos camposantos ante a chegada do 1 de novembro
Por Redacción
Durante as últimas xornadas un equipo de operarios municipais realizan traballos para arrombar os cemiterios de Poio, con motivo da celebración o próximo luns 1 de novembro da festividade do Día de Todos os Santos.
Chelo Besada, tenente de alcalde e responsable da área de Servizos Municipais, sinala que durante estas xornadas previas increméntanse os labores de limpeza que se realizan regularmente ao longo de todo o ano.
O cemiterio de San Xoán, pertencente ao Concello, atópase en fase de limpeza interior e realízanse tarefas de xardinería, coa revisión do sistema eléctrico e arranxo da iluminación.
En canto aos camposantos que xestionan as comisións parroquiais, desde o Concello tamén se iniciou un proceso de limpeza nos accesos e nas contornas.
Valoriza, empresa encargada da xestión de residuos en Poio, reforzará o número de contedores de lixo con motivo desta xornada na que numerosas persoas achéganse ata estes recintos para lembrar aos seus familiares falecidos.
Pola súa banda, Marga Caldas, concelleira de Seguridade Cidadá, e Xosé Luis Martínez, responsable da área sanitaria municipal, enviaban unha mensaxe pedindo prudencia á cidadanía para que se cumpran as medidas de seguridade contra a covid-19 e, deste xeito, evitar aglomeracións e manter o uso da máscara sempre que non se poida gardar a distancia de 1,5 metros de seguridade entre non conviventes. Sinalou que se establecerán os dispositivos habituais para garantir a fluidez da circulación rodada polas vías de acceso.