Comezan en Ponte Caldelas as obras de humanización da avenida de Vigo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Operarios da empresa adxudicataria, Construcciones Pérez Abilleira, comezaron as obras de humanización da Avenida de Vigo e a súa contorna, que contan cun orzamento de execución que supera os 93.000 euros, dos cales a Consellería de Economía e Industria aportará o 75% (70.278 euros) e o Concello de Ponte Caldelas, o resto. A súa finalización está prevista para o inicio da tempada navideña.
Con estas obras, búscase mellorar o aspecto urbano e a accesibilidade e dinamizar o comercio local existente nesta zona aproveitando os fondos Feder da Unión Europea. Os traballos que agora se acometen contemplan a construción de dous pasos de peóns elevados, un fronte ao parque infantil e outro ao comezo do paseo do río.
Ademais substituirase toda a antiga beirarrúa na contorna do parque infantil (rúa Rosalía de Castro e Concepción Arenal), que se atopa moi deteriorada, incorporando a contorna do parque infantil ao proceso de modernización levado a cabo noutras zonas comerciais da vila. Así mesmo dotarase á Avenida de Vigo de novos farois, similares ao resto do casco urbano, en sustitución dos existentes nas fachadas, que serán retirados.
Procederase tamén ao pavimentado desa rúa así como ao pintado, sinalización e ordenación das prazas de aparcamento existentes que provocará que só se poida estacionar nunha das marxes da vía, tendo en conta que o ancho da rúa non permite facelo en ambos lados. O que se pretende é que o aspecto desta zona estea acorde coas demais rúas da contorna, tanto no pavimentado como nas beirarrúas e farois á vez que se mellora a seguridade viaria.
Estas obras que agora acomete o Concello, coa subvención da Xunta, son a resposta municipal á petición suscitada polos membros da Mesa Local de Comercio e veciños da zona que o equipo de Goberno asumiu como propias e que agora se concreta. Na Avenida de Vigo sitúase tamén unha galería comercial que comunica este vial urbano co parque infantil e as inmediacións do centro escolar Cordo Boullosa. En total hai máis de 25 locais e establecementos comerciais nesa zona que se verán beneficiados por esta actuación que agora comeza.