Volverá o rei emérito a Sanxenxo?
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Esa é a pregunta que moitos se fan despois de que transcendese que o rei Juan Carlos I está a sopesar a idea de regresar a España tras dun ano refuxiado en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos) despois de que se coñecesen as súas presuntas actividades ilícitas.
O emérito baralla volver ao país antes do próximo nadal, data que algunhas fontes próximas ao monarca sitúan mesmo xa no mes de novembro.
Isto será así unha vez que a Fiscalía se inclinara por arquivar as investigacións abertas acerca das finanzas do rei emérito. Iso si, ninguén se aventura a dicir se este regreso sería definitivo ou tan só unha visita temporal a amigos e familiares.
Don Juan Carlos emprendeu rumbo a Abu Dabi o 3 de agosto do pasado ano despois de que a Casa Real, co visto e prace do Goberno, acordase que o mellor era a súa saída temporal de España á espera do resultado das dilixencias fiscais.
Felipe VI deixou en mans do seu pai a elección do destino no estranxeiro.
Nun primeiro momento, sopesou a opción de instalarse en Portugal, pero ante as reticencias do Palacio da Zarzuela pola proximidade con España, decidiu trasladarse ao emirato convidado polas autoridades do país do Golfo Pérsico.
De feito, unha das súas últimas actividades en España foi unha visita a Sanxenxo, localidade na que pasou longas tempadas desde que abdicou do trono, gozando da súa coñecida paixón polo deporte da vela e dos seus amigos en Galicia.
Non sería de estrañar que regresase ás Rías Baixas en próximas datas. Iso si, a resposta a esta pregunta só se resolverá co paso do tempo.