Polo menos dous detidos nunha operación contra a venda de drogas a pequena escala en Poio e Pontevedra
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha operación conxunta entre a Garda Civil e as policías Local e Nacional de Pontevedra deixou este sábado varios detidos en distintos puntos de Pontevedra e Poio. Durante a xornada do sábado houbo dous detidos e realizáronse tres rexistros, dous en Poio e un en Pontevedra, pero o número poderá variar porque o operativo continúa aberto.
A actuación policial responde a unha causa que un xulgado pontevedrés declarou secreta, de modo que os distintos corpos policiais consultados por este xornal indicaron que non se facilitarán detalles do traballo policial de forma oficial.
PontevedraViva si puido confirmar que o operativo está dirixido a desarticular un grupo que se dedica ao tráfico de drogas polo miúdo e que durante os rexistros realizados se incautaron varios quilos de haxix e pequenas cantidades de marihuana e cocaína.
Tamén incautaron unha importante cantidade de diñeiro en efectivo, varios teléfonos móbiles e efectos utilizados para preparar e manipular a droga, tales como básculas de precisión.
As persoas detidas permanecen desde a mañá do sábado en calabozos policiais e está previsto que pasen a disposición xudicial nos xulgados da Parda de Pontevedra durante a xornada do luns.
Policías e gardas civís despregáronse durante a mañá do sábado en polo menos dous puntos do municipio de Poio, a avenida da Barca e a zona de Covelo, na parroquia de Samieira. Tamén se centraron noutras zonas de Pontevedra, en concreto, no barrio de Campolongo.