Un virus afecta os gatos recollidos en Difusión Felina que pecha temporalmente as súas casas de acollida
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A xunta directiva da Asociación Difusión Felina de Pontevedra decidiu clausurar temporalmente as entradas de novos gatos no colectivo durante, polo menos, quince días, debido á aparición dun virus que está a afectar a algúns destes animais de compañía que se encontraban acollidos en vivendas de membros do colectivo.
Nos últimos días faleceron tres gatos, dous que se encontraban de acollida, e outro propiedade dun dos integrantes da asociación. Segundo explican os representantes deste colectivo trátase dunha cepa de calicivirus e panleucopenia, un brote que resulta letal en gatos novos e que non fosen vacinados.
Por este motivo, polo menos durante os próximos quince días non recollerán máis animais, á espera de que as vivendas de acollida sexan desinfectadas. Segundo indica Carlos Ferrer, presidente de Difusión Felina, acoller un gato novo sería condenalo a unha morte segura.
A asociación fai un chamamento para encontrar novas casas de acollida nas que non haxa outros gatos e, desta forma, poder manter en corentena aos gatos que poidan ser portadores deste virus que non é contaxioso nin para cans nin para as persoas, só se transmite entre gatos.