Domínguez asegura que venderá o coche oficial da Alcaldía cando sexa alcalde
Por Redacción
O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, volveu a criticar a adquisición do novo coche oficial da Alcaldía. Entende que é un "capricho" do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e asegura que o venderá se accede ao goberno da cidade de Pontevedra.
"Lores ten un gusto polo luxo que pouco ten que ver cos principios que di defender. É comunismo de caviar", sinalou Domínguez en relación ao novo Audi A6 que adquirirá o Concello por 62.900 euros aos concesionario Vehículos Pérez Rumbao.
A este respecto, lamentou que non se aprobou "nin unha soa axuda directa" aos sectores afectados pola pandemia, "pero en cambio hai diñeiro para un novo coche de altísima gama para o alcalde" e para manter ao seu chofer.
O PP defendera que os membros do goberno municipal, alcalde incluído, utilizase o transporte público ou os seus vehículos propios para os seus desprazamentos laborais.
O líder do PP censurou ademais a "hipocrisía" dun alcalde que “di que os coches necesarios na cidade son moi poucos e cómprase co diñeiro de todos o pontevedreses un que alcanza os 100 km/h en pouco máis de cinco segundos e supera os 260 km/h”.
"É hora de que no Concello de Pontevedra deixe de imperar a vella política”, apuntou Domínguez.