Un domingo para camiñar pola cidade con PonteSán e a primeira das PonteAndadas
Por Redacción
Domingo con sol e boa temperatura. Pontevedra amenceu este 19 de setembro coas condicións perfectas para botarse a camiñar, e moitos é o que fixeron grazas ás dúas andainas previstas.
Unha delas, a primeira Andaina Solidaria PonteSán 'Un camiño de tod@s e para tod@s', contou coa participación de máis de 60 persoas. Tratábase dunha actividade incluída dentro da feira da saúde que se celebrou vos últimos días e pensada para todos os públicos.
Os participantes, entre eles o concelleiro de Deportes Tino Fernández, percorreron 3,7 quilómetros do Camiño de Santiago a través da variante de Alba, pasando pola Praza da Peregrina, ponte do Burgo, paseo peonil da Xunqueira de Alba, ponte das Correntes e a rúa Arcebispo Malvar antes de chegar á Praza de España.
Por outra banda este domingo era o día escollido para a primeira das citas das Ponteandadas 2021, contando con 156 rexistrados. Todos eles partiron desde Monte Porreiro para percorrer 10 quilómetros na contorna do río Lérez a través das parroquias de Mourente e Bora.
Ponteandadas terá continuidade os días 10 e 24 de outubro con itinerarios previstos polo río dos Gafos e polo monte da Fracha respectivamente, mentres que o 7 de novembro preparouse un roteiro polo Pontillón do Castro e o 21 de novembro polo parque forestal da Tomba.