Detida unha muller por acoitelar o seu compañeiro de piso, que tamén foi arrestado
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra detiveron unha muller de 42 anos veciña do municipio, con antecedentes policiais, como presunta autora dun delito de lesións con arma branca e ao seu compañeiro de piso, un home de 37 anos natural de Vigo, con antecedentes policiais polos delitos de violación de morada, lesións e ameazas.
Os feitos sucederon sobre as 18.15 horas do martes día 15 de outubro cando se recibiu unha chamada na Central do 091 de Pontevedra na que se comunicaba que nas inmediacións da rúa San Antoniño se estaba a producir unha pelexa no interior dun piso.
Ao lugar desprazouse inmediatamente unha dotación da Policía Nacional de Pontevedra que, á súa chegada, comprobou que no interior da vivenda se producira unha discusión entre os inquilinos da mesma que dexenerara en pelexa, segundo informou a Comisaría de Pontevedra.
Os axentes comprobaron que o interior da vivenda estaba completamente revolto con obxectos tirados polo chan e un dos cuartos alugados presentaba danos na porta.
Trataba de evitar que este individuo accedese ao seu cuarto, despois de romper a porta
Os axentes procederon á identificación dos tres inquilinos e, tras mediar con ambas as dúas partes, abandonaron o lugar. Posteriormente, sobre as 21.30 horas, recibiuse unha chamada de dous dos inquilinos da vivenda aos que o terceiro lles impedía o acceso. Unha vez resolto o problema coa mediación dos axentes accederon ao interior, se ben sobre as 22.30 horas se iniciou novamente unha discusión que culminou coa agresión.
Un dos residentes accedeu á forza ao cuarto dos seus compañeiros, onde se iniciou unha pelexa que finalizou coa agresión da muller cun coitelo na zona lumbar tras un forcexo cando trataba de evitar que este individuo accedese ao seu cuarto, despois de romper a porta.
AMBULANCIA
Os axentes solicitaron unha ambulancia para a asistencia á vítima que, tras unha primeira avaliación, a trasladou a un centro hospitalario para a sutura da ferida.
Por todo iso, os axentes da Policía Nacional procederon á detención da muller por agresión con arma branca e ao arresto do compañeiro de piso polos delitos de violación de morada, lesións e ameazas unha vez que lle deron a alta hospitalaria. Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, os detidos foron postos a disposición da autoridade xudicial.