Pontevedra debaterá sobre envellecemento e 'Estilo de Vida 3.0'
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Pontevedra acollerá os días 20 e 21 de xuño de 2014 o XXVI Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), no que se presentará o 'Estilo de Vida 3.0', unha nova metodoloxía de traballo que a asociación engade ao seu labor, coas claves para un envellecemento en positivo dende unha perspectiva metodolóxica e epistemolóxica holística, integral.
No marco dese congreso debateranse as claves para un envellecemento activo, positivo, digno e saudable dende todos os ámbitos posibles, coordinados por unha perspectiva holística e como require o propio envellecemento, dende a atención multidisciplinar e a coordinación entre os ámbitos social e sanitario.
Para responder ao espírito innovador de 'Estilo de Vida 3.0' o Congreso contará non só con profesionais do ámbito das persoas maiores, senón con estudantes, representantes de medios de comunicación e con persoas maiores, xubilados e pensionistas que poden participar en diferentes actividades, tanto cienfícas (invitados a debates, presentacións, análise de estudos e investigacións, etc.) como de ocio ou culturais cuxa finalidade é a achega conxunta na consecución das devanditas claves dun envellecemento positivo.
Este xoves 17 de outubro, a partir das 18.00 horas, reuniranse a Xunta Directiva da SGXX e o Comité Organizador do seu XXVI Congreso. O encontro será na sede de Saraiva de Pontevedra e ten como obxectivo ultimar as súas novas liñas de traballo no ámbito do envellecemento e preparar o citado congreso.