Alumnos do Torrente Ballester edúcanse en valores a través do xogo
Por Redacción
Que é a Débeda Externa? Cando se considera que un país está desenvolvido ou non? Que diferenzas hai entre os países do Norte e os do Sur? Os alumnos do IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra buscaron este martes a resposta a estas e outras preguntas, pero dunha forma moi particular, xogando.
As ONGD Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) guiáronlles a través do xogo 'Na procura do Desenvolvemento' para axudalos a que se formen en valores e tomen conciencia do papel que poden chegar a desempeñar para lograr a integración de colectivos excluídos e avances en países en vías de desenvolvemento.
'Na procura do Desenvolvemento' é un xogo de roles e estratexia no que os participantes asumen o rol dunha rexión do mundo e teñen que conseguir un nivel de desenvolvemento ou manter o que xa teñen. A través desta proposta didáctica, os profesionais de Agareso e ACPP guiáronlles para que eles mesmos chegasen a comprender e asimilar conceptos como que é unha transacción internacional, que supón un conflito, que é a seguridade alimentaria ou unha alianza entre países ou que é o Índice de Desenvolvemento Humano.
O xogo desenvolveuse no marco das actividades organizadas no instituto pontevedrés en tanto que centro adherido á rede internacional de Escolas sen Racismo, da que xa forman parte máis de 500 centros educativos de toda Europa, e na que o Torrente Ballester entrou no curso 2012-2013.
Escolas sen Racismo naceu da man de ACPP co obxectivo de formar cidadáns comprometidos coa sociedade e a súa mellora, construír un mundo máis solidario e favorecer a convivencia intercultural, a participación social e a corresponsabilidade cos países do hemisferio sur. O proxecto, que neste curso se está a implementar en oito centros educativos de distintas provincias galegas, conta co apoio económico da Xunta de Galicia e na comunidade galega estano a executar ACPP e Agareso.