Os cidadáns de Sanxenxo poderán obter certificados e pagar as taxas municipais online
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo poñerá en marcha unha nova plataforma que permitirá mellorar a actual sede electrónica municipal. A partir do 13 de outubro os veciños poderán realizar a xestión do volante e o certificado de empadroamento vía dixital, de forma máis áxil e rápida.
Desde o Concello infórmase de que para realizar este tipo de trámites será necesario dispoñer dalgún dos documentos electrónicos de identificación: DNI electrónico, certificado electrónico ou clave. Tamén se poñerán ao dispor da cidadanía as instancias para os distintos tipos de procedementos administrativos.
Este novo xestor de expedientes xa é utilizado por máis de 2.500 concellos, e permitirá realizar autoliquidacións para obter, por exemplo, o certificado de empadroamento ou calquera tipo de trámite que implique un pago en Urbanismo sen necesidade de desprazarse a unha entidade bancaria.
A modernización dixital tamén inclúe a apertura dunha oficina virtual tributaria a través dun novo programa de recadación para o Concello de Sanxenxo e o Organismo Autónomo de Terra de Sanxenxo que permitirá a realización de pago de taxas e impostos municipais as 24 horas do día e os 365 días do ano. Ademais, co certificado dixital, calquera veciño poderá consultar os recibos pendentes e o estado de débedas coa Administración local.
O novo programa incluirá ademais un apartado de avisos onde se reflectirán o calendario fiscal cos períodos de cobranza e as ordenanzas vixentes. Activarase unha pasarela de pagos para que se poida efectuar o abono a través dun código de barras que aparecerá nos recibos.