Carmela Silva amadriña a última promoción de 'empresariais' da Universidade de Santiago
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi elixida a madriña da última promoción do grao en Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago (USC).
A presidenta provincial amosou a súa emoción ao recibir no Pazo Provincial a Guillermo Meijón, representante do alumnado da promoción 2017-2021 de Administración e Dirección de Empresas da USC que a nomeu como madriña.
Meijón fixo entrega á presidenta dun ramo de flores entre as que destaca a cor violeta, unha tonalidade ligada ao movemento feminista que tan fortemente defende a institución provincial. Neste senso, e entre palabras de agradecemento, Carmela Silva puxo de manifesto a relevancia que para ela ten que as novas xeracións lle dean importancia á igualdade porque apostar por ela "é sementar futuro".
A presidenta provincial recibiu tamén unha orla da promoción, na que tamén se inclúe a súa imaxe, que colocará "nun lugar moi preferente para recordar sempre este detalle posto que o feito de que me elixiran madriña dunha promoción de outra provincia fai que me sinta moi orgullosa".
Pola súa banda, o representante dos estudantes Guillermo Meijón, que tamén é presidente da asociación E3Galicia a través da que se propuxo á presidenta provincial como madriña de promoción, subliñou que a elección de Carmela Silva estivo "marcada pola súa traxectoria así como pola transformación que fixo da Deputación sobre todo en materias de Igualdade e Cultura, piares fundamentais de calquera sociedade".