Poio consolídase como un Concello novo ao rexistrar a segunda media de idade máis baixa da comarca
Por Redacción
O concello de Poio conta cunha das poboacións máis mozas de toda a bisbarra. Así o demostran os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), nos que se constata que o municipio conta coa segunda menor idade media de toda a comarca de Pontevedra.
Os 43,69 anos correspondentes á vila poiense só son rebaixados polos 43 do concello de Soutomaior. Tal e como recolle a entidade autonómica, con datos actualizados a principios de ano, Poio sitúase notablemente por debaixo da media de Galicia, fixada en 47,48 anos. Ademais, tamén baixa ás correspondentes á provincial e comarcal, as cales ascenden a 45,88 anos.
Por concellos, Poio sitúase por diante de municipios como Pontevedra (44,38), Barro (45,71, Vilaboa (48,94) e Ponte Caldelas (49,54). Máis lonxe aínda quedan as medias correspondentes a A Lama (53,99) ou Cerdedo-Cotobade (53,22). "Esta media vén a demostrar que Poio é un concello consolidado no que a crecemento e dinamización se refire", sinala o alcalde Luciano Sobral. Os dirixentes municipais entenden que esta situación "é especialmente meritoria nun contexto no que a perda e o envellecemento da poboación están a ser, por desgraza, unha constante en Galicia".
Outros datos a ter en conta son tamén, por exemplo, o feito de que máis da terceira parte da poboación censada en Poio son menores de 45 anos. En concreto, 5.316 persoas atópanse no rango de idade que vai dos 20 aos 44 anos (o 31% do total). Tamén hai que ter en conta que, entre a rapazada e mocidade, cóntase con 2.631 cativos e cativas de 0 a 15 anos.
Pola súa banda, o Concello rexistrou ao longo do primeiro semestre do ano preto de 60 altas por nacementos. De seguir este ritmo, superaríase a cifra acadada en 2020 (106). O Concello de Poio comprométese a seguir apostando por medidas e iniciativas que axuden a consolidar esta tendencia, que tamén axuda a apuntalar o aumento progresivo de poboación rexistrado no último lustro, que levou ao municipio a consolidarse por riba dos 17.000 habitantes. De feito, segundo un informe elaborado polo persoal responsable do Padrón municipal, durante o primeiro trimestre de 2021 acadouse o teito histórico, rondando os 17.300 habitantes.
Iniciativas como o Plan Activa 21, elaborado polo goberno local para dar un pulo á actividade e dinamización do tecido económico para axudar á súa recuperación, logo da crise derivada da pandemia da COVID-19, van encamiñadas nesta liña.