Semana de inestabilidade nas Rías Baixas con predición de chuvias para a noite do martes
Por Redacción
Este luns 2 de agosto, as Rías Baixas e o conxunto de Galicia recupera transitoriamente a influencia anticiclónica e con presenza de aire frío en altura. As nubes matinais desaparecerán quedando unha tarde de ceos pouco nubrados en xeral, con formación de nubes de evolución e algún chuvasco en zonas de montaña. As temperaturas ascenderán lixeiramente situándose entre os 15 e os 28 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte, máis intenso nas Rías Baixas durante a tarde e en zonas altas de interior, segundo a predición do servizo de Meteogalicia.
Pero o martes 3 converterase nunha xornada de transición coa perda da influencia das altas presións e a chegada dun fronte a Galicia durante a tarde. As nubes matinais darán paso a ceos pouco nubrados ou despexados, con algunhas nubes de tipo alto. Ao longo da tarde aumentarán as nubes na zona do noroeste coa presenza de choivas débiles. As temperaturas situaranse entre os 14 e os 23 graos con vento de compoñente oeste frouxo.
Na xornada do mércores 4, as Rías Baixas permanecerán nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, coa fronte retirándose de Galicia ao longo da mañá. Os ceos presentaranse moi nubrados en xeral e a tendencia será de apertura de grandes claros con temperaturas que se moverán entre os 18 e os 23 graos. O vento seguirá soprando de compoñente oeste frouxo, con intervalos moderados no litoral norte da comunidade.
A influencia das borrascas atlánticas manterase ata o sábado 7 con probabilidade elevada de choivas. Os ventos continuarán soprando frouxos de compoñente oeste e temperaturas que se situarán entre os 13 e os 26 graos. Haberá que esperar ao domingo para que comece a influencia anticiclónica con cambio de circulación do vento a nordés.