'Pegadas no Corazón', o novo material turístico que convida a coñecer Meaño
Por Redacción
O Concello de Meaño vén de editar 3.000 exemplares dun folleto turístico para dar a coñecer a riqueza paisaxística e cultural do municipio.
'Pegadas no Corazón' é o título dunha guía que inclúe fotografías, texto e un mapa turístico do municipio, e que xa está a disposición dos visitantes nas principais oficinas de turismo da comarca do Salnés.
O material conta cunha versión en castelán, pensada para os visitantes de fóra da comunidade autónoma, e outra en galego, e pode descargarse na web municipal: www.concellodemeano.com
O novo material busca, a través do impacto fotográfico, convidar aos visitantes a descubrir os recantos máis singulares de Meaño. Imaxes suxestivas animan, por exemplo, a gozar dun atardecer nos Pasales, a subir en busca do "banco do amor", percorrer a ruta dos muíños ou divisar as rías dende o punto máis alto do municipio.
'Pegadas no Corazón' fai un percorrido polo patrimonio material e inmaterial do municipio de Meaño, cun apartado especial para a enoloxía, porque a elaboración do viño é un xeito de vivir que o Concello quere vencellar á promoción turística do municipio.
Este material turístico é unha das iniciativas postas en marcha polo equipo de goberno de Carlos Viéitez para poñer en valor o potencial dun municipio cunha situación estratéxica na provincia de Pontevedra.
"Estamos vendo que as tendencias á hora de buscar aloxamento variaron coa pandemia e Meaño ten que aproveitar esa oportunidade. Os cidadáns buscan agora pernoctar en lugares non masificados, con certa privacidade e que ofrezan alternativas naturais. Ese é o noso mercado", manifesta o alcalde.