Deteñen un home de 45 anos como presunto autor dun delito de acoso sexual a unha menor en Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Segundo un comunicado emitido dende a Alcaldía de Marín, sobre as 8:10 horas da mañá deste xoves 11 procedíase á detención nun home de 45 anos, veciño de Marín, como presunto autor dun delito de acoso sexual a unha menor.
Segundo se manifesta dende o Concello, hai uns días, unha nai poñía en coñecemento da Policía Local que a súa filla de 15 anos sufrira un episodio de acoso sexual no percorrido que a moza fai habitualmente para ir ao centro escolar. Co consentimento da nai e a plena colaboración da menor ponse un servizo especial de protección da menor no percorrido dende o seu domicilio ao colexio así como a vixilancia das inmediacións do centro escolar por se se volvía producir un episodio similar.
A menor ofrecera unha descrición detallada do varón achegando datos, segundo a Policía Local, moi significativos e concretos. Durante esta mañá realizouse un seguimento discreto da menor, os Policías observaron como un varón que coincide coa descrición se lle achega mirándoa fixamente e ao chegar á súa altura realizoulle un xesto obsceno. A moza púxose moi nerviosa e o varón tratou de fuxir correndo por unha quella próxima onde é alcanzado e detida por efectivos da Policía Local. O home non opuxo resistencia.
Segundo o comunicado da Alcaldía de Marín, o detido esperaba as menores que ían ao centro escolar nunha zona pouco iluminada e se observaba que algunha viña soa achegábase a ela atentando contra a súa liberdade sexual, realizando comentarios e proposicións deshonestas. Segundo se afirma dende fontes municipais, o home chegara a perseguir unha destas mozas que tivo que protexerse en dependencias da Policía Local para evitalo.
As forzas policiais queren enviar unha mensaxe de tranquilidade cara á comunidade escolar do centro escolar de Marín.