"Frívola, indocumentada, enganosa e falaz", así califican os sindicatos galegos a campaña #MenosCarneMásVida
Por Oskar Viéitez
As declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, instando á cidadanía a reducir o consumo excesivo de carne para atallar problemas de saúde e ambientais cousou un fondo malestar nas seis interprofesionais de carne de España, que agrupan ao vacún, porcino, aves e coellos.
Tamén Unións Agrarias e o Sindicato Labrego piden a retirada da campaña por ser "frívola, indocumentada, enganosa e falaz".
O Sindicato Labrego Galego (SLG) expresou a súa "máis absoluta indignación" diante desta campaña na que "se criminaliza o consumo de carne" a través de "medias verdades" que, de seguro, "van crear unha grande confusión entre a cidadanía".
Pola súa banda Unións Agrarias (UU.AA.) afirma que "a argumentación de Alberto Garzón non vai mais aló de ser unha sorte de falacias coas que acadar visibilidade mediática en base a un ataque gratuíto ao sector agrogandeiro"; que ao seu xuízo é "o máis comprometido coa sustentabilidade do planeta, a loita contra o cambio climático, a produción de alimentos de calidade para a cidadanía e cos obxectivos do benestar animal".
Estes sindicatos sosteñen que a campaña #MenosCarneMásVida "ás penas distingue de modelos produtivos", metendo no mesmo saco as producións sostibles en base a pastos e terra coas producións industriais e intensivas sen terra, ou o consumo de carne de proximidade con outras importadas dende miles de quilómetros.
En 2019, o sector cárnico español exportou un total de 2,71 millóns de toneladas de carnes e produtos elaborados por valor de 7.555 millóns de euros a mercados de todo o mundo, cunha balanza comercial do 657% e incrementando nun 26% a facturación exterior e un 15,1% en volume.
Pero chaman a atención en que o titular de Consumo contradí aos datos aportados polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en relación aos rangos de emisións contaminantes da gandería. Emisións que Garzón eleva ao 14% sobre o total do estado, e que Teresa Ribera sitúa no peor dos escenarios nun 7%.
O informe "Alimentos quilométricos" elaborado por Amigos da Terra é taxativo sobre a "insostibilidade do modelo produtivo dominante": España importa máis de 25 millones de toneladas de alimentos cada ano, emitindo máis de 4 millóns de toneladas de CO₂. Os alimentos importados percorreron de media case 4.000 quilómetros antes de chegar aos mercados.
O SLG afirma que a produción sostible de carne é necesaria para loitar contra o quecemento global e para manter a estrutura socio-económica do noso territorio.
Dende o Sindicato Labrego galego afirman que "hai estudos científicos demostran que a produción de carne de vacún en base a pasteiros ten un efecto cero na emisión de gases con efecto invernadoiro", xa que os propios pastos funcionan como secuestradores de carbono. Se a comercialización desa carne se fai na bisbarra ou na comunidade onde se produce, o impacto ambiental é mínimo, "ademais de ser o seu consumo saudable sempre que se faga dentro dunha dieta diversa e equilibrada", engaden.
Por outra banda, estas organizacións sindicais non teñen "nada que obxectar" a que o Ministerio de Consumo avogue por recorrer ás proteínas vexetais con alimentos como os legumes, e a basear a nosa alimentación en produtos como as hortalizas e as froitas.
"O problema é que a nosa dependencia alimentaria fai que traiamos boa parte dos legumes de distancias inasumibles para o medio ambiente", apuntan.
Finalmente, tamén argumentan que o de Pedro Sánchez é "un Goberno que criminaliza o consumo de carne ao tempo que asina tratados de libre comercio para fomentar a súa importación dende América", en referencia aos acordos do Estado con Mercosur ou o CETA con Canadá.
Outro argumento que aporta Unións Agrarias é que "os pasteiros son, xunto ás terras de cultivo, o mellor cortalumes natural"; pois producen discontinuidades da biomasa no territorio e protexen de forma estrutural as nosas masas forestais e "se hai un problema medioambiental en Galicia son os incendios forestais", e o manexo axeitado do gando é unha "peza fundamental para a súa prevención".