Dous feridos nun choque entre un coche e un "chimpín"
Por Oskar Viéitez
O servizo de Emerxencias 112 informou este mércores dun accidente de tráfico que se produciu ás 17.15 horas no lugar de Coirón, na parroquia de Dena, Meaño no que se viron implicados dous turismos e un motocultor con remolque. Como consecuencia do sinistro dúas persoas resultaron feridas de consideración.
Sucedeu na estrada comarcal PO-550. Segundo explicaron testemuñas presenciais, o veciño de Meaño D.C.M., de 67 anos, incorporábase á estrada co "chimpín" sendo arrastrado por un Ford Focus conducido por unha moza veciña de Cambados, C.G.G., de 20 anos. Como consecuencia do choque o Focus impactou contra un Renault Clio que estaba estacionado na beiravía e que se golpeou contra un muro.
O home foi trasladado en ambulancia ata o Hospital de Montecelo, entre outras feridas, tiña unha perna rota e un traumatismo craneo encefálico. Pola súa banda a condutora do Focus foi derivada ao Hospital do Salnés, con varios cortes producidos cos cristais do coche.