A Escola de adultos de Sanxenxo formará un centenar de alumnos para obter o título de graduado en ESO
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Escola de Adultos de Sanxenxo iniciou esta semana o curso con máis dun centenar de matriculados que recibirán formación encamiñada á obtención do título de Graduado en Educación Secundaria. E é que tras a presentación a principios de semana, este martes comezaron as clases que se desenvolverán de luns a xoves, dende as 20.00 ata as 23.00 horas, no edificio de Usos Múltiples de Portonovo, e que inclúen unha serie de actividades dirixidas á poboación adulta.
Dende a Concellaría de Educación destacaron o importante papel que cumpre este programa que conta cada ano con máis demanda, recibindo solicitudes mesmo de veciños de concellos limítrofes, e que contribuíu positivamente a que na pasada edición fosen 44 as persoas que lograron graduarse.
A Administración local pon en marcha este plan contando con dúas profesoras que imparten as diferentes áreas de coñecemento relacionadas co ámbito científico-tecnolóxico ou o de comunicación e sociedade, nun horario que favorece a presenza dos estudantes que se ven obrigados a compatibilizar a asistencia coa súa ocupación laboral. Por iso, ademais destas sesións os alumnos teñen a oportunidade de acudir ás titorías que supoñen un apoio e reforzo de coñecementos.
O Concello de Sanxenxo desenvolve esta acción en cooperación co Centro de Educación Permanente de Adultos (EPA) de Pontevedra, no que o alumnado está inscrito na modalidade a distancia e onde, ademais, é avaliado.
PROBAS LIBRES
A Escola de Adultos ofrece así mesmo outros servizos como o curso de organización do estudo dirixido a maiores de 16 anos e para o que, dende este ano, non se esixe límite de idade.
Ademais, a partir de xaneiro o Concello de Sanxenxo preparará mediante este programa aos interesados en superar as probas de acceso ao ciclo medio e tamén os exames libres da ESO.