A Cámara de Comercio cambia Brasil por Colombia nas súas novas misións comerciais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Colombia pasará a ser o destino preferente nas novas misións comerciais da Cámara de Comercio de Pontevedra. Un total de oito empresas galegas visitarán o país sudamericano nunha viaxe prevista para este mes de outubro. Trátase dunha nova acción organizada pola institución cameral no marco do Plan Foexga 2013.
A Brasil, República Dominicana e Venezuela, destinos previos da Cámara de Comercio, súmase agora Colombia, país que está espertando notable interese ás empresas galegas, en especial ás de alimentación e naval, que son as integrantes desta expedición.
A acción conta coa cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, e enmárcase dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas, instrumento de promoción económica desenvolvido polas cámaras galegas desde o ano 1992, e que é considerado polas empresas como o buque insignia das Cámaras.
Para achegar ás empresas os aspectos máis interesantes deste país, a Cámara organiza no seu salón de actos o próximo día 11 de outubro, ás 12:00 horas, unha charla coloquio baixo o título de Negocios e oportunidades. Colombia, que terá como ponente a Piedad Jimena Rojas, avogada e ex presidenta da Cámara de Comercio en Cartaxena de Indias.
Durante a súa intervención, Piedad Rojas, falará das formas de facer negocio, dos sectores estratéxicos e das oportunidades por rexións, e dos incentivos ao investimento neste país.