O Concello entrega un vehículo da Policía Local para as prácticas do módulo de automoción do IES de Vilalonga
Por Redacción
O módulo de Automoción do IES Vilalonga conta cun novo vehículo da Policía Local para poder realizar formación práctica.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, e a concelleira de Educación, Paz Lago, entregaron á dirección do centro educativo o automóbil matriculado en 1998 e con máis de 300.000 quilómetros. A pesar da antigüidade, o coche será de gran utilidade nas prácticas do módulo cos alumnos do ciclo medio para realizar probas prácticas con osciloscopio e máquinas de diagnóstico de fallos. Técnicas empregadas habitualmente nos talleres de automoción.
É o cuarto vehículo que o Concello de Sanxenxo cede a este módulo de Automoción que está a lograr importantes resultados e recoñecementos como o Premio Innova FP Galicia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade co proxecto FurgoLonga. O proxecto consiste na realización dunha maqueta de son polo alumnado dentro dun vehículo marca Mercedes Benz Sprinter. O vehículo contará con paneis demostrativos e interactivos que facilitará o proceso de ensino e aprendizaxe a todo o alumnado en xeral e, particularmente, ao alumnado con dificultades sensoriais (auditiva e/ou visual), alumnado con necesidades como trastornos de déficit de atención e hiperactividade (TDAH), trastorno do espectro autista (TEA) ou trastornos de aprendizaxe (dislexia e discalculia).
Nestes momentos, o alumnado de automoción traballa xa na fase de ensamblaxe dun kart con cuxo deseño e innovación, no que colaborou o alumnado de todo o centro nun proxecto transversal, xa gañaron o premio "Best Sprint" e participarán agora nas probas de resistencia a nivel nacional "Green Power Iberia" e patrocinado por Siemens e Bridgestone. Se o próximo ano conseguen bos resultados participarán na carreira europea que será no circuíto de Silverstone.
Tanto Lago como Leiro destacaron "o gran traballo" desempeñado polo IES de Vilalonga e en concreto no módulo de Automoción. "Da gusto colaborar e axudar e a un ciclo formativo que está a ter tan bos resultados cunha implicación tanto dos docentes como do alumnado", aseguraron.