Paloma Castro lamenta a "falta de sensibilidade" da Xunta coas familias afectadas polo peche de Hestia Santa María
Por Redacción
A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, presentou diversas iniciativas que presentará no Parlamento de Galicia con motivo do peche do centro sociosanitario Hestia Santa María de Pontevedra.
A representante do PSdeG-PSOE lamenta a "falta de sensibilidade" por parte da Xunta de Galicia cara ás 50 familias de persoas ingresadas no centro. Indica que eses familiares, a día de hoxe, aínda non saben onde serán ingresados os pacientes tras o repentino peche.
Alerta de que o goberno galego "mira para outro lado" debido á privatización dos servizos sociosanitarios, con 30 familias de pacientes, en moitos casos grandes dependentes, que neste momento só saben que terán que ser trasladados a centros de Vigo ou de Santiago.
Paloma Castro lembra que unha cidade de 83.000 habitantes carece dunha solución sanitaria para as persoas que en Pontevedra necesitan estes coidados. Demanda unha "solución temporal" para as persoas usuarias do centro e tamén pide que se axilice o procedemento para construír un centro sociosanitario público en Pontevedra para manter o volume de capacidade asistencial sociosanitaria no municipio previo ao peche do Hestia Santa María.
A parlamentaria galega tamén mostra a súa preocupación polos 32 traballadores que se someterán a un ERTE de urxencia tras este peche.