Técnicos da Consellería valoran positivamente os terreos ofertados por Barro para un novo centro de saúde
Por Redacción
Cumprindo co compromiso adquirido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, os responsables técnicos da Consellería visitaron Barro este venres para avaliar os terreos ofertados polo concello para a construción dun novo centro de saúde na localidade.
Segundo informan dende o Concello, durante a visita os responsables municipais mostráronlle aos técnicos da Consellería os terreos que a entidade municipal ten reservados para este equipamento e estiveron analizando as distintas opcións para executar esta nova construción.
Os representantes da Consellería manifestaron a necesidade dun novo centro de saúde en Barro e trasladáronlle ao alcalde que os terreos ofertados son "adecuados" e que precisarían dispoñer de arredor de 400 metros cadrados para construír unha edificación que poida albergar todos os espazos necesarios para poder prestar a atención sanitaria de forma adecuada á veciñanza de Barro.
O alcalde comprometeuse a que nas próximas semanas se aprobará a cesión da superficie demandada, dentro dos terreos que están reservados no Plan Xeral de Ordenación Municipal para equipamentos destas características, co obxectivo de que desde a Consellería se poidan iniciar os trámites e os estudos previos para a elaboración do proxecto.
A construción do novo centro de saúde é unha reivindicación permanente que desde que Abraldes chegou á alcaldía se lle leva facendo desde o concello á Consellería de Sanidade, xa que o edificio actual ten moitos anos e non cumpre as condicións necesarias para prestar un servizo sanitario de calidade á veciñanza de Barro.
Relacionadas:
-
Aproban a cesión a Sanidade da parcela para o novo centro de saúde de Barro
Por Redacción |
-
Barro avanza nos trámites urbanísticos para ceder á Xunta os terreos do novo centro de saúde
Por Redacción |
-
Sanidade estudará a viabilidade dos terreos reservados en Barro para o novo centro de saúde
Por Redacción |