Todos os camiños dos 33 lugares do rural serán desbravados a man a partir da vindeira semana
Por Redacción
Dúas brigadas de operarios iniciarán os traballos de limpeza de camiños dos 33 lugares do rural de Ponte Caldelas a partir do próximo luns 7 de xuño. Iniciarase a actividade nos lugares de Caldelas e A Quintán para proseguir polo resto de aldeas do municipio a medida que se vaian desbravando as diferentes áreas.
A estes traballos hai que sumar os realizados nos recintos dos templos relixiosos e das áreas de recreo, ademais dos labores de acondicionamento que se executan nos parques infantís do municipio para que se poidan empregar nestes meses estivais.
Os dous tractores municipais comezaron a rozar as marxes de todos os viais de titularidade municipal que unen os distintos lugares de Ponte Caldelas. Esta acción completarase con traballos manuais a partir da segunda semana de xuño.
O alcalde Andrés Díaz afirma que o rural de Ponte Caldelas é "un tesouro que se debe coidar" e quere seguir mantendo esta actividade tal e como prometera cando chegou á alcaldía.