Catro das dez alumnas do curso de atención no fogar logran a contratación inmediata no SAF
Por Redacción
Tres das dez alumnas participantes no curso de atención no fogar impulsado pola Concellería de Benestar Social xa foron contratadas polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e está previsto que unha cuarta se incorpore en breve.
Así o deu a coñecer este mércores o responsable de Benestar Social, Marcos Rei, que presidiu na Sala Valdecorvos da Casa Azul o acto de entrega dos correspondentes diplomas acreditativos ao alumnado
O curso, dunha duración de 28 horas (16 teóricas e 12 prácticas), desenvolveuse en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades (que presta o SAF en Pontevedra) e estaba destinado a un grupo de 10 persoas en situación vulnerable e con dificultades de incorporación ao mercado laboral.
Segundo indica Rey, as persoas participantes dispoñen agora de coñecementos de carácter preventivo e asistencial para a atención no fogar de persoas que poidan presentar déficits de autonomía non limitadores a nivel sanitario, social ou emocional.
O concelleiro de Benestar Social prevé impulsar máis accións formativas neste eido, xa que melloran a empregabilidade e facilitan unha saída laboral e tamén permiten previr e aliviar a perda de autonomía dos maiores, axudándolles a realizar as actividades do día a día e a manter o espazo doméstico en condicións axeitadas de habitabilidade.
Rey considera que nun momento tan complicado como este, "no que estamos a facer fronte a unha crise de carácter sanitario e económico", este tipo de accións formativas resultan "esenciais para axudar a atopar emprego a aquelas persoas que máis o precisan, en situación vulnerable, con dificultades de inserción laboral e en risco de exclusión social".
As alumnas participantes no curso foron seleccionadas en base aos criterios de prioridade marcados polos Servizos Sociais municipais, asinándose un convenio de prácticas coa empresa Idades, que se comprometeu a incorporar ao alumnado de xeito escalonado ata cubrir o total das prazas.