O PP de Poio critica nunha concentración os "dous anos perdidos" no goberno local
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular protagonizou este mércores unha concentración protesta diante da Casa Consistorial polos dous primeiros anos de mandato do goberno tripartito do Concello de Poio.
O voceiro 'popular', Ángel Moldes, resumiu a xestión do equipo do alcalde Luciano Sobral nunha frase "aumento de impostos, aumento da débeda, máis promesas e moi poucos feitos".
Para o PP local, os concelleiros do grupo de goberno "están centrados nos titulares, en dicir que solucionaron grandes problemas para Poio cando a realidade nos amosa que estamos exactamente igual que hai dous anos".
Moldes dixo que "a pesar de que levan xa 26 anos gobernando seguen facendo exactamente as mesas promesas incumpridas ano tras ano" e criticou que "a participación e a transparencia da que presumían son totalmente inexistentes. Convertéronse nun goberno de imposición".
Para concluír, para os populares "estes dous anos foron perdidos, e a xestión do goberno é máis do mesmo". A única diferencia, sinalan, "é que antes había dous alcaldes e agora temos tres".
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
O equipo de goberno lamentou esta "última ocorrencia dos populares" de convocar unha mobilización de protesta ás portas do Concello.
"Este espectáculo non fai máis que reflectir a desesperación do PP, que ten que recorrer á crispación pola súa incapacidade patente á hora de fiscalizar con seriedade e facer achegas desde a oposición", sinalaron nun comunicado de prensa.