A reforma de Barcelos comezará polo vial de circulación perimetral
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Despois do verán. É a data que baralla o Concello de Pontevedra para iniciar as obras de remodelación integral da Praza de Barcelos. Farao cunha primeira fase que se centrará no acondicionamento do vial de circulación perimetral, actualmente en moi mal estado.
En concreto, segundo explicou o edil de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, actuarase desde a entrada á praza por Perfecto Feijóo ata a saída pola rúa Rouco.
Todo o empedrado de lastras actual será substituído por asfalto, adiantou Gómez. O concelleiro recoñeceu que "é unha mágoa" ter que cambiar este firme ao ser un pavimento "histórico" na cidade, pero considera que "é máis importante lograr un pavimento universal".
As lastras, xa erradicadas na práctica totalidade de Pontevedra, "é unha tortura" para as persoas con mobilidade reducida, segundo o edil. De feito, nos pasos elevados instalados en Barcelos xa se retirou este tipo de pavimento, a pedimento da asociación Amizade.
Nesta primeira fase da reforma, na que o Concello investirá 1,75 millóns de euros, tamén se renovarán todos os servizos soterrados da zona. O 70% do actual vial estará reservado para os peóns e o 30% para os vehículos.
A maiores, dentro desta actuación, incluiranse tamén outros 176.000 euros para trasladar o actual transformador de Fenosa, situado en terreos do colexio de Barcelos, ao exterior do recinto escolar e cumprir así una das principais demandas da comunidade educativa.
Esta comunidade ademais deberá achegar ideas para remodelar a zona da praza, situada enfronte do colexio, que utiliza como patio de recreo. Esta adecuación incorporarase tamén a esta primeira fase das obras de reforma.
A falta de definir os detalles, Demetrio Gómez explicou que as obras desta primeira fase da reforma integral da praza poderán durar preto dun ano.