Preocupación policial pola presenza de bandas itinerantes en Pontevedra
Por Natalia Puga
Os cargos da Policía Nacional están "preocupados" pola presenza na cidade de bandas itinerantes de delincuentes que cometen, fundamentalmente, roubos e outros delitos contra o patrimonio.
Esta intranquilidade recoñeceuna publicamente este mércores o comisario xefe de Pontevedra, Guillermo Sánchez, durante os actos de celebración do Día dos Santos Custodios, patróns da Policía Nacional. No seu discurso sinalou que "preocupa" a presenza de bandas e, previamente, en declaracións aos medios, asumiu que facer fronte a esta delincuencia foi a súa tarefa "más complicada" deste ano.
"Hemos sufrido durante todo el verano la presencia esporádica de estos grupos criminales que han actuado fundamentalmente en viviendas", indicou Guillermo Sánchez, se ben tamén quixo insistir que "hemos desarticulado algún grupo de ellos".
As bandas organizadas de estranxeiros foron protagonistas do Día da Policía tamén a través das persoas homenaxeadas. A Policía Nacional fixo o recoñecemento público a dous cidadáns que axudaron a deter dous grupos de cidadáns romaneses "por cooperar decisivamente con el Cuerpo Nacional de Policía" na resolución de determinadas actuacións policiais, "facilitando la identificación y detención de varios presuntos delincuentes integrantes de grupos criminales contra la propiedad".
Unha das distinguidas foi Mónica Torres Pousada, que, segundo as súas propias palabras, axudou á Policía porque "anotei unha matrícula". A súa intervención posibilitou a detención no mes de maio de tres persoas de orixe romanesa que acababan de cometer un roubo con forza nun piso de Rosalía de Castro. Esta veciña sorprendeunos cando fuxían, chamou a Policía e facilitou os datos do coche. Con esa referencia, varias patrullas perseguíronos por toda a cidade ata os dar o alto á altura do restarante Mochi en Figueirido (Vilaboa). Integraban un grupo itinerante de ladróns con domicilio fóra da cidade.
O segundo distinguido é Francisco Charlín Martínez, veciño da rúa Pai Fernando Olmedo que no mes de setembro axudou a deter dous cidadáns de orixe romanesa que presuntamente pretendían cometer un roubo polo método do butrón nun estanco da súa rúa. Segundo relatou, "era ya el cuarto robo en el estanco, en todos entraban a través del cuarto de contadores de nuestro edificio, que está pegado al estanco, y no podía permitir que volviese a pasar". Logrou sorprender dous presuntos ladróns armados cun machado e unha pata de cabra, encerrounos no cuarto e chamou a Policía Nacional.
Guillermo Sánchez realizou un balance da actividade policial ao longo do ano e sinalou que "ha subido un poco las estadísticas de criminalidad", pero "toda la plantilla de la provincia trabajó arreo" e conseguiuse que "tanto las cifras de detenidos como las de esclarecidos han sido muy positiva". Así, aumentaron nun 30% as detencións de autores de delitos contra o patrimonio e esclareceuse un 40% máis de delitos que en 2012.
O acto presidiuno o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, que, na súa intervención, mostrou o seu recoñecemento a todos os policías polo "gran servicio que prestan a diario". Referiuse aos recortes que afectaron ao equipo policial e sinalou que o momento actual "exige hacer más con menos" e que a Policía Nacional "debe hacer compatible la austeridad con la eficacia en el servicio".