As illas de Cortegada e Sálvora melloran a rede eléctrica e reducen contaminación
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente executou melloras no subministro eléctrico de Cortegada e Sálvora, dous dos arquipélagos que integran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, cunha serie de actuacións enmarcadas en plans de mellora da eficiencia enerxética.
A Consellería destaca que con este proxecto se introduciron melloras nestes espazos singulares e únicos en Galicia, reducindo o risco de vertidos, aforrando espazo e optimizando o sistema de enerxía. En definitiva, séntanse as bases para avanzar en espazos cada vez máis autónomos, limpos e sostibles.
Trátase dun proxecto para mellorar o subministro, a través de enerxía solar fotovoltaica, para acadar unha illa máis sostible e independente enerxeticamente.
As obras consistiron na potenciación de novas placas solares máis eficientes e con novas batería de litio, que ofrecen unha autonomía practicamente do 100%. O importe destas actuación elevouse a 36.000 euros.
Tanto a illa de Cortegada como a de Sálvora dispoñían dun subministro eléctrico híbrido, que consistía nunha instalación solar fotovoltaica antiga, formada por catro paneis fotovoltaicos, e que quedou obsoleta.
A mellora enerxética inclúe novos paneis solares de alta eficiencia, un cargador intelixente, que combina as funcións de inversor, cargador solar e cargados de batería, de xeito que ofrece apoio de alimentación ininterrompida.
Outras das melloras importantes introducidas en ambos arquipélagos son os paneis fotovoltaicos. Os existentes tiñan unha capacidade de 880 vatios e foron substituídos por unha novos que teñen unha capacidade global dun total 4.500 vatios á hora, é dicir, multiplican por cinco a súa capacidade de produción de enerxía.