Rouban tabaco por un valor de preto de 30.000 euros no estanco de Virxe do Camiño
Por Anxo Lourido
Esta mañá do luns, o estanco da rúa Virxe do Camiño encóntrase pechado ao público. Os propietarios están a elaborar o inventario do que os ladróns se levaron durante a noite do sábado ao domingo cando entraron no estanco polo tellado para roubar todo o tabaco que se encontraba no local.
Os ladróns forzaron o fecho do edificio lindeiro que se encontra en venda e baleiro. No baixo intentaron realizar un butrón a través da parede que linda co estanco. Non o conseguiron. Encontráronse cun muro de pedra que lles impedía o acceso. Así que, sobre a marcha, proxectaron un segundo plan. Subiron ata o último piso do edificio lindante e alí conseguiron realizar un burato polo que accederon ao tellado do inmoble número 47 no que se encontra o estanco. Unha vez dentro, leváronse un portátil e todo o tabaco que se encontraron ao seu paso. Segundo comentan os propietarios do establecemento: "tenían que ser varios y les llevó tiempo porque no es fácil cargar con todo". Só deixaron os paquetes baleiros que utilizan os donos do local para encher o estante de mostra, chuches, chisqueiros e boquillas. Tamén recolleron todos os cigarros e puros que se encontraban no almacen, "todo lo que se podía vender" di. Segundo comentan os donos, o botín alcanzaría aproximadamente os 30.000 euros.
"Xa o intentaran hai tres meses pero fora a través da porta que está pechada por dentro cun dispositivo de seguridade", afirma o dono. Por esa mesma porta conseguiron saír co botín. Forzaron a porta por dentro e, segundo cren, unha furgoneta tiña que estar a esperalos fóra para levarse todo o material. "En un turismo non les cabe todo", sinala a estanqueira.
Apuntan a que posiblemente o tabaco roubado xa tiña un comprador: "Eso lo venderán como mercancía de contrabando. En lugar de valer 45 euros el cartón, vale 25 y así lo venden como rosquillas".
Curiosamente, ningún veciño escoitou nada. Unha muller que reside nunha vivenda próxima sinalou que durante a noite do sábado choveu moito aínda que, sobre as tres da mañá, escoitou ruído de golpeo dos colectores de lixo pero non lle deu importancia ao relacionalo co pub que hai na rúa no que se produce moito bulicio durante o fin de semana.
Os propietarios do estanco xa presentaron denuncia, durante o domingo, na Comisaría da Policía Nacional.