Tres alumnas do bacharelato STEMBach do IES A Xunqueira II fan a súa primeira incursión no campus
Por Redacción
O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía STEMBach chegou este mércores ao campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Fíxoo da man de tres alumnas do IES A Xunqueira II, que desenvolveron unha investigación sobre actividade física e saúde na infancia e mocidade, e defenderon o seu traballo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
O obxectivo deste bacharelato impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro da Estratexia Galega de Educación Dixital é espertar no alumnado deste nivel educativo o interese pola investigación e estas rapazas demostraron que se cumpriu.
Grupos de estudantes de diferentes institutos levan a cabo, ao longo de dous cursos, unha serie de investigacións baixo a titoría de profesorado do seu centro e de docentes universitarios. Estas tres alumnas da rama de ciencias do IES A Xunqueira II, Lucía Méndez, Chloé Lamas e Nerea Parra, remataron ese traballo e defenderon por primeira vez un traballo desenvolvido ao abeiro deste bacharelato STEMBach no campus pontevedrés.
Na súa incursión no campus estiveron acompañadas pola docente deste instituto Esther Padín e os profesores da facultade Vicente Romo e José Luis García Soidán, que foron os seus titores.
Vicente Romo sostén que se trata dun proxecto "moi interesante", porque permite que as estudantes empecen a ter contacto coa Universidade e García Seoane puxo en valor que estas estudantes traballaron "con moita implicación" a pesar de que o estudantado realiza esta iniciativa como unha actividade extraescolar, fóra do seu horario lectivo, e que este ano tiveron limitacións a maiores derivadas da pandemia da covid-19.
Esther Padín destaca tamén o positivo desta iniciativa á hora de achegar ás participantes unha formación sobre "como aplicar o método científico e levar a cabo unha investigación, que é unha vantaxe que levan xa de cara ao futuro", segundo declaracións recollidas polo DUVI da Universidade de Vigo.
O profesor de Ciencias da Educación e do Deporte José María Pazos e as docentes do IES A Xunqueira II Soraya Suárez e Alba González integraron o tribunal encargado de avaliar o estudo destas tres alumnas, que traballaron cos microdatos da enquisa nacional de saúde do Ministerio de Sanidad, Consumo e Benestar Social.
Analizaron os datos de preto de 11.000 persoas, tanto nenos e mozos de entre 5 e 14 anos como os seus pais e nais, co propósito de atopar posibles relacións entre diferentes parámetros, como o índice de masa corporal e o tempo que dedicaban á práctica de actividade física e a estar diante de pantallas como o televisor.