Dez persoas con dificultades de inserción laboral fórmanse para traballar en axuda no fogar
Por Redacción
Dez persoas en situación vulnerable e con dificultades de incorporación ao mercado laboral empezaron a formarse este luns para traballar no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Pontevedra. Trátase dunha actividade formativa organizada pola Concellería de Benestar Social que busca proporcionar ao alumnado nocións básicas para a atención no fogar de persoas que poidan presentar déficits de autonomía a nivel sanitario, social ou emocional.
O curso celébrase na Casa Azul en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades, que presta o SAF no Concello de Pontevedr,a e terá unha duración total de 28 horas (16 teóricas e 12 prácticas).
O obxectivo é ofrecer ao grupo de 10 persoas asistentes as ferramentas para atender de xeito profesional a persoas maiores e a oportunidade, ao rematar a formación, de prestar os seus servizos no SAF pontevedrés.
As persoas beneficiarias deste curso foron seleccionadas en base aos criterios de prioridade marcados polos Servizos Sociais municipais e asinouse un convenio de prácticas coa empresa Idades, que incorporará ao alumnado de xeito escalonado ata cubrir o total das prazas.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, asistiu este luns á xornada inaugural do curso e destacou que agarda que "todos ou a maioría deles acaben sendo contratados para colaborar co Concello de Pontevedra na prestación do SAF".