Catafís: Moito máis que un Google Maps pontevedrés
Por Manu Otero
Catafís xa non é só un lugar da parroquia de Ponte Sampaio, desde este mércores é unha ferramenta posta polo Concello de Pontevedra ao alcance de toda a cidadanía para investigar infinidade de asuntos relacionados coa cartografía, a distribución de poboación ou un rueiro.
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, xunto co técnico informático do Concello Santiago Pérez Agra, presentaron esta ferramenta deseñada pola oficina de informáticos do concello para favorecer o traballo dos técnicos e ofrecer un servizo propio, gratuíto e completo á cidadanía.
A través da páxina web catafis.pontevedra.gal, calquera persoa pode acceder a unha enorme cantidade de contido relacionado coa demografía e a cartografía pontevedresa. Nesta páxina, os usuarios poden comprobar o rueiro municipal, realizar procuras do catastro, descargar os maps en formato Autocad ou PDF, coñecer os mapas de calor de repartición da poboación así como a pirámide poboacional da capital, percorrer as rúas de Pontevedra con vista panorámica, comparar a evolución da cidade para vista de satélite e innumerables ferramentas xa dispoñibles e que se irán actualizando nos próximos días.
Por agora, só se pode acceder á páxina a través do navegador, pero o Concello traballa xa no desenvolvemento dunha aplicación móbil que permita acceder a Catafís desde calquera dispositivo e en calquera lugar.
Anima a concelleira nacionalista a "catafisgonear" a todos os pontevedreses e pontevedresas para descubrir todos os segredos que garda esta ferramenta, que recibe o nome de Catafís porque se trata dun topónimo da cidade e que fai alusión a un lugar alto e pedregoso desde o que divisar boa parte da parroquia.