Deteñen un home por agredir a súa parella nun hotel en presenza dun bebé de cinco meses
Por Redacción
A pasada fin de semana deixou en Pontevedra dúas detencións por delitos de violencia machista. Nos dous casos, os autores foron mozos de apenas 30 e 35 anos detidos por agredir á súas parellas, un en plena rúa e outro nun hotel e, ademais, en presenza dun bebé de tan só cinco meses.
Esta detención cun menor implicado tivo lugar nun hotel dos arredores de Pontevedra sobre as 00.45 horas da madrugada do sábado. Os policías desprazáronse ata o establecemento porque os chamou unha testemuña que acababa de escoitar berros e unha forte discusión entre unha parella.
Os axentes atoparon a zona de recepción do hotel moi desordenada por mor da discusión e entrevistáronse coa vítima, que lles confirmou que tivera unha forte discusión coa súa parella e que el golpeou diversos obxectos que se atopaban na habitación. No cuarto tamén había un menor de cinco meses.
A vítima indicou que a ela non chegou a agredila, pero os axentes observaron que presentaba lesións na boca, cabeza e perna dereita, así como rascaduras por todo o corpo, de maneira que procederon á detención do presunto agresor, un home de 30 anos de idade.
A outra detención foi previa, na noite do venres 16 de abril. Foi resultado dun operativo de vixilancia policial nas inmediacións do domicilio dunha muller que ten en vigor unha orde de protección da súa parella e conta con seguimento por parte do grupo de protección de vítimas de violencia de xénero da Policía Local de Pontevedra.
A muller alertou ao axente que fai seguimento ao seu caso sobre as 20.50 horas porque acababa de ser agredida pola súa parella en Poio, lugar no que se atopaba neses momentos. Patrullas das policías locais de Pontevedra e Poio desprazáronse de inmediato ao lugar da agresión e buscaron ao presunto agresor, pero non foi localizado.
A muller estaba moi alterada e nerviosa, tiña marcas vermellas na fazula esquerda e manifestou que o seu ex mozo a perseguira e lle dera unha labazada na cara. Con protección policial, foi trasladada ao seu domicilio e montouse un operativo de vixilancia. No marco deste control, sobre as 22:20 horas, axentes da Policía Local detiveron o presunto agresor. Trátase dun home de 35 anos.