Óscar García, único candidato ao decanato de Ciencias da Educación e do Deporte
Por Redacción
O profesor da Área de Educación Física e Deportiva Óscar García encabeza a única candidatura ao decanato de Ciencias da Educación e do Deporte no proceso electoral aberto nesta facultade unha vez o actual decano, Vicente Romo, completou o seu segundo mandato á fronte do centro.
Tras exercer como secretario académico ao últimos tres anos, García encabeza unha candidatura definida pola continuidade, xa que desta forman parte tres dos actuais vicedecanos, Uxío Pérez, Mercedes Varela e Ezequiel Rey, completándose o equipo coa profesora Eulalia Agrelo e co propio Romo na secretaría académica.
"O equipo decidiu seguir e iso animoume moito a dar este paso. Sen eles tería sido moi difícil, son xente que coñece ben o Decanato e que traballou moi ben ao servizo da facultade durante estes anos", salienta García.
Trala proclamación definitiva este venres da única candidatura presentada no proceso electoral iniciado o pasado mes de marzo nesta facultade, esta someterase á votación da Xunta de Facultade o vindeiro mércores 21.
Xunta de Facultad el próximo miércoles 21.
En declaracións ao Diario da Universidade de Vigo, explica que o seu "grande obxectivo", no caso de ser elixido, pasa por facer que "todo o profesorado atope un ambiente o máis positivo posible para desenvolver o seu labor docente e investigador e que o alumnado poida beneficiarse dun altísimo nivel educativo e teña a mellor preparación posible para ser competitivos nun mercado laboral que non está nada fácil".
Outro dos motivos que o levaron a dar este paso, engade, "é que temos retos por diante que hai que asumir", sinalando neste senso en primeiro termo que a facultade "necesita de máis instalacións, xa que afortunadamente temos moitos estudantes, moitas titulacións e moitos profesores desenvolvendo proxectos, polo que se necesitan novos espazos".
Como outro do retos a futuro, este docente destaca o interese de "explorar as dobres titulacións", sinalando neste eido á posibilidade de articular un dobre grao en Educación Primaria e Educación Infantil.
No referido á oferta académica, García avoga tamén por "seguir visualizando cales poden ser as necesidades dos estudantes", de cara, por exemplo, a "actualizar algúns dos mestrados" e continuar "potenciando unhas titulacións que están funcionando moi ben".