O Banco de Alimentos distribúe 20 toneladas de produtos ao mes na comarca de Pontevedra
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitaba este venres a sede do Banco de Alimentos en Pontevedra xunto ao seu responsable, José Luis Doval.
Durante a visita ao local situado na rúa Faustino Santalices, coñeceu de primeira man o labor que desenvolve esta organización na comarca. Un traballo que, segundo salientou a subdelegada, "en momentos difíciles como o actual resulta fundamental".
Na actualidade, a organización pontevedresa distribúe mensualmente 20 toneladas de alimentos entre os diferentes centros asistenciais da área comarcal. O Banco de Alimentos colabora ademais como centro de almacenamento e distribución (CAD) do "Programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas" do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, executado a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).
A subdelegada lembrou que, na anualidade do 2020, o Banco de Alimentos distribuíu na provincia, a través do centenar de organizacións que colaboran coa entidade e que son as encargadas de facer chegar directamente as cestas de alimentos esenciais aos usuarios, 784,5 toneladas de comida procedentes deste programa de axuda alimentaria, no que 23.750 persoas foron beneficiarias, un 8 % máis que durante o ano 2019.
Larriba subliñou tamén o traballo do Goberno durante o último ano "para crear un escudo social que permita garantir que ninguén queda atrás nesta situación de crise ante a que nos enfrontamos". Entre as diferentes medidas implementadas, a subdelegada destacou o Ingreso Mínimo Vital, "xa que permitiu reforzar o pilar social do Estado e garantir a asistencia ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade".
Relacionadas:
-
Nova entrega de 775 toneladas de alimentos para repartir entre máis de 25.000 persoas en situación de vulnerabilidade na provincia
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos reparte máis de 330.000 quilos de comida durante 2020 en Pontevedra e a súa contorna
Por Redacción |
-
Comida por camisetas da San Silvestre, unha campaña en favor do Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
Última entrega á Cruz Vermella do programa de axuda alimentaria do Goberno
Por Oskar Viéitez |
-
Recollida "sen precedentes" do Banco de Alimentos
Por Redacción |