O mobiliario urbano da Praza de Galicia pasa a ITV
Por Redacción
A concellería de Sostemento de Espazos Públicos de Pontevedra acomete nos últimos días a revisión e o arranxo do mobiliario urbano da Praza de Galicia.
En concreto esta actuación, iniciada o pasado xoves, supón lixar todos os bancos, substituír as táboas ou elementos que estean en mal estado e volver pintalos. En total dos aproximadamente 40 bancos situados nesta céntrica praza retiráronse durante a fin de semana 25 deles para reparalos nun taller.
A previsión é que estes elementos poidan volver ser colocados no seu lugar ao longo da próxima semana, segundo informa o departamento xestionado pola concelleira Eva Vilaverde.
Esta actuación súmase ás realizadas en datas recentes noutros itinerarios peonís da cidade, como a concluída no paseo da Avenida de Marín, onde se repararon bancos, revisáronse lousas e substituíronse as deterioradas no tramo comprendido entre a rotonda de Malvar e a ponte das Correntes.
Tamén preto da Praza de Galicia, na rúa Augusto García Sánchez, procedeuse no principio do ano a reparar e relevar máis de 250 lousas que non se atopaban en bo estado.