Agárdanse chuvascos durante esta fin de semana nas Rías Baixas
Por Redacción
Este venres aumenta a inestabilidade atmosférica en Galicia, segundo anuncia o servizo de Meteogalicia. Ao longo de toda a xornada espéranse intervalos de nubes e claros, con chuvascos tormentosos, sobre todo durante a tarde. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 9 graos, mentres que as máximas descenderán lixeiramente para establecerse en 19 graos. Os ventos soprarán de compoñente sur con escasa intensidade.
O sábado 10 de abril espérase que continúe a inestabilidade atmosférica e non se agardan cambios significativos. Os ceos permanecerán parcialmente cubertos nas Rías Baixas, con chuvascos de tipo intermitente, algo máis xeneralizados durante a tarde.
As temperaturas mínimas manteranse ao redor dos 10 graos mentres que as máximas experimentarán un moderado descenso marcando os termómetros 17 graos. O vento comezará a xornada frouxo do sur pero a partir do mediodía cambiará a compoñente norte.
Xa na xornada do domingo entrará unha masa de aire ártico, impulsada por ventos fortes do nordés. Espéranse intervalos nubrados, con chuvascos sobre todo no norte de Galicia. As temperaturas baixarán, principalmente as máximas, que quedarán en valores baixos para esta época do ano ao situarse en 14 graos. Os ventos soprarán do nordés, fortes no litoral e nas zonas altas, mentres que no resto serán moderados.
A partir do luns 12 instalaranse as presións ao norte da península Ibérica e retornará a estabilidade. Os ceos ofreceranse pouco nubrados ou despexados, con nubes altas entrando desde o sur durante a mañá. As temperaturas mínimas descenderán, deixando unha madrugada fría, con xeadas no interior. As máximas recuperaranse lixeiramente ata chegar aos 17 graos. Os ventos soprarán de compoñente leste.
Segundo as previsións, a partir do mércores este anticiclón desaparecerá e volverá outra etapa de inestabilidade atmosférica con opcións, de novo, de chuvascos tormentosos nas Rías Baixas.