Localizan en Poio persoas de Logroño, Barcelona, Alemaña e Francia que non puideron xustificar a entrada en Galicia
Por Natalia Puga
Os controis especiais realizados pola Policía Local de Poio nos últimos días para vixiar as entradas e saídas do municipio durante esta semana Santa e detectar a persoas que se saltaron o peche perimetral de Galicia vixente na actualidade permitiron descubrir varios incumprimentos das normas ditadas para evitar a expansión da pandemia da covid-19. Os axentes localizaron a persoas de Logroño, Barcelona, Alemaña e Francia que non puideron xustificar a entrada en Galicia.
As persoas que se saltaron o peche perimetral para desprazarse desde Alemaña e Francia chegaron a Poio en autocaravana. A Policía Local controlou ao redor de 100 autocaravanas en catro días e localizou unha de cada un destes países. O resto das vixiadas procedían de Galicia, de modo que non incumpriron ningunha norma de mobilidade.
Desde o inicio da Semana Santa, a Policía Local controlou máis de 1.300 vehículos e procedeu á identificación de 250 persoas para vixiar que non se saltase o peche perimetral.
Entre esas persoas localizaron a varias que chegaran desde Logroño e Barcelona sen autorización a pesar de que todas as comunidades autónomas españolas teñen vixentes nestes días peches perimetrais.
Os policías tamén realizaron 28 inspeccións en establecementos de hostalería e controlaron a apertura de furanchos.
Os controis policiais centráronse de forma especial nas zonas de Combarro e Raxó, ao ser os puntos tradicionalmente máis turísticos de Poio.
Relacionadas:
-
Máis de 100 autocaravanas fixeron uso da área da Seca durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
A pandemia segue en situación de meseta á espera de coñecer os efectos da Semana Santa
Por Manu Otero |
-
Investígana por furtar unha bolsa de comida conxelada dun local de Poio e descobren que conduce bébeda
Por Natalia Puga |