Os castiñeiros queren gañar espazo fronte aos abrochos de eucaliptos en Vilaboa
Por Redacción
A Comunidade de Montes en Man Común San Martiño de Vilaboa preparou e plantou case 2,5 hectáreas de castiñeiros, o equivalente a cinco campos de fútbol, enxertados con variedades tradicionais para obter castañas. Con esta proposta, a organización quere diversificar o uso do monte e completar a produción de madeira coa de obtención de froitos.
Os traballos previos centráronse en eliminar brotes de eucalipto. Para este labor un grupo de persoas voluntarias entre a veciñanza da Graña e Postemirón dedicouse a retirar de maneira manual os eucaliptos que xurdían no terreo, sen utilización de pesticidas. Tamén este colectivo colaborou nas xornadas de plantación.
Esta actividade resultou tan exitosa que a Comunidade de Montes estuda a opción de realizar convocatorias públicas para desenvolver este tipo de traballos comunitarios e de convivencia veciñal para dar un maior valor ao monte sempre que a situación sanitaria permita estas accións.
A idea é que despois a castaña que se recolla sexa comercializada en fresco ou conservada. Na plantación optouse polas variedades Lugesa e De Parede. E os promotores esperan unha produción anual mínima de 10.000 quilos.
Dentro deste proxecto como na plantación de castiñeiros para madeira, todas as plantas atópanse micorrizadas para a produción de cogomelos Boletus Edulis. Con esta proposta, o colectivo quere favorecer o desenvolvemento das árbores, ao mesmo tempo que se protexen os fungos e asegúrase a multifuncionalidad do monte a través destes sistemas de simbioses.
Os próximos traballos centraranse en estudar a expansión da produción de castaña noutras 14 hectáreas, compatibilizando esta acción coa produción de madeira nun total de 27 hectáreas de monte.