Rescatada pola Garda Civil unha embarcación de recreo preto da Illa de Arousa
Por Redacción
O Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra tivo que intervir na mañá deste domingo para rescatar o tripulante dunha embarcación recreativa.
Segundo datos da Garda Civil, a lancha motora sufrira unha avaría e atopábase á deriva. Os refachos de vento variable trasladaron a embarcación cara á zona de Galiñeiro nas proximidades da Illa de Arousa, nun espazo rochoso.
O único tripulante da lancha foi rescatado e trasladado ao porto de Tragove no municipio de Cambados en boas condicións de saúde e sen maiores consecuencias.