![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/534c49b8b2669-depo-principe.jpg)
© Deputación de Pontevedra
Louzán destaca que Príncipe Felipe cubrirá o "déficit" de infraestruturas deportivas de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534c49af28f8f-depo-principe-2.jpg)
© Deputación de Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou este mércores o "gran servizo" que as instalacións deportivas de Príncipe Felipe están a ofrecer aos veciños de Pontevedra, asegurando que na práctica "están a cubrir as necesidades de infraestrutura deportiva do municipio de Pontevedra, que segue tendo un déficit moi importante" neste campo.
Louzán fixo estas declaracións na visita realizada ao remodelado pavillón polideportivo de Príncipe Felipe, no que a administración provincial vén de facer un investimento próximo aos 300.000 euros para a súa remodelación integral. Na visita, o presidente da Deputación estivo acompañado polas deputadas Marta Iglesias e Ana Isabel Vázquez, así como polo director do centro, José Manuel Fernández.
Os traballos incluíron a renovación completa da cuberta; o cambio dos paramentos laterais, dotándoos de dobre cámara para conseguir un mellor illamento térmico; a adecuación de baños, vestiarios e da entrada principal para persoas con mobilidade reducida e a construción dun aseo para persoas con discapacidade, así como o pulido e barnizado de toda a pista.
A estes traballos, que foron realizados pola empresa Construcciones Ramirez e que contaron cun orzamento de máis de 261.000 euros, hai que engadir o pintado interior e exterior das instalacións, que se fixo con medios propios.
USO INTENSIVO
O presidente da Deputación incidiu en que esta reforma era unha obra "necesaria", dado que, con 30 anos de antigüidade, o centro presentaba certas deficiencias, incluíndo problemas de humidade e de desgaste da pista, propios tamén dun centro polo que pasan "miles de persoas de Pontevedra pero tamén da comarca, porque son moitos os clubs que xogan aquí".
A maiores do uso interno que lle dá a este polideportivo o propio Centro Príncipe Felipe, son máis de 2.500 persoas as que usan cada semana o pavillón tanto para adestrar como para xogar partidos oficiais ou para practicar diferentes actividades deportivas.