O garaxe de Costa Giráldez pecha o 24 de abril para converterse nun Gadis
Por Oskar Viéitez
Un cartel na porta do aparcamento de Costa Giráldez, no número 49 da rúa Benito Corbal, anuncia o peche desta instalación o vindeiro 24 de abril, ás 20.00 horas.
Os propietarios agradecen a confianza depositada pola súa clientela ao longo dos 70 anos que levaba funcionando este garaxe, que ata 2015 tamén foi gasolineira.
O peche do Costa Giráldez dará paso a un supermercado Gadis. Como informou o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Xaquín Moreda, a empresa solicitou ao Concello un cambio de usos comerciais do edificio para que pase de ser garaxe a acoller un establecemento de alimentación.
A empresa tamén presentou, durante o mes de setembro deste ano 2020, o proxecto para o novo supermercado, a cargo da arquitecta Teresa Táboas e no que recolle a súa intención de obrar na primeira e a segunda planta do edificio e arrombar a fachada, así como instalar o seu rótulo correspondente.