Fomento desbloquea a Circunvalación de Pontevedra ao iniciar as expropiacións
Por Redacción
O Ministerio de Fomento iniciou, coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), o anuncio de convocatoria para o levantamento de actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados polas obras "Autovía A-57. Tramo: Vilaboa - A Ermida. Provincia de Pontevedra", nos termos municipais de Pontevedra e Vilaboa.
Os veciños de Vilaboa están convocados no Salón de Plenos do Concello de Vilaboa entre os días 14 de outubro e o 6 de novembro, e os de Pontevedra no Pazo da Cultura do 11 de novembro ao 28 de novembro, en ambos os dous casos de luns a xoves en horario de 9:30 a 14:00 horas.
O tramo Vilaboa- A Ermida forma parte da autovía A-57, autovía que será a alternativa de gran capacidade á estrada N-550 en Pontevedra. Ademais, este proxecto xunto cos tramos A Ermida - Pilarteiros (proxecto en redacción) e Pilarteiros - Barro e conexión con AP-9 en Curro (estudo informativo en información pública) constituirá a futura circunvalación de Pontevedra da A-57.
Por outra parte, tamén dará continuidade cara ao Norte á futura A-59, autovía que discorrerá dende o aeroporto de Peinador en Vigo ata Pontevedra (Vilaboa) e cuxos proxectos se encontran en redacción nestes momentos.
CARACTERÍSTICAS TÿCNICAS
O proxecto aprobado desenvólvese no ámbito metropolitano da cidade de Pontevedra, percorrendo os Concellos de Pontevedra e Vilaboa, destacando os núcleos da Ermida, Pintos, Valladares, Pumariño, Bértola, o Outeiro e Boullosa.
O novo tramo de autovía, con 6,56 km de lonxitude, iníciase á altura do enlace da Ermida, sobre o punto quilométrico 4 +000 da estrada autonómica PO-532, e finaliza no punto quilométrico 6,560 de tal maneira que a conexión do seguinte tramo poida evitar a Mámoa de San Román-O Cruceiro.
Proxectáronse 2 enlaces e 15 estruturas, das cales:
- 4 son viadutos sobre o río Pintos, río do Pobo, Rego do Barco e o ferrocarril Pontevedra - Redondela;
- 5 son pasos superiores que resolven o paso de camiños sobre a autovía, sendo un deles o paso do camiño de Santiago sobre un ramal do enlace de Vilaboa;
- 6 pasos inferiores
O proxecto prevé a reposición dos camiños interceptados ao longo da traza da futura autovía.
Relacionadas:
-
Fomento convoca dende hoxe os donos de 900 terreos para as expropiacións da circunvalación
Por Oskar Viéitez |
-
A futura circunvalación afecta á subministración de auga de medio Marcón
Por Natalia Puga |
-
Perfecto Rodríguez celebra os avances na Circunvalación, pensando na Reigosa e O Campiño
Por Redacción |
-
Mosquera celebra o avance na Circunvalación: "é un paso firme, demostra que hai vontade de facela"
Por Redacción |