A Deputación suma máis de 8,2 millóns de euros investidos este ano na contratación de 778 persoas en 50 concellos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra aprobou este xoves en Xunta de Goberno recursos para outros 13 concellos por importe de máis de 580.000 euros no marco do Plan Concellos.
En concreto beneficiarase destas achegas o concello de Cambados, para o que o órgano provincial aprobou a liña 3 de emprego cunha subvención que supera os 200.000 euros a través da cal levará a cabo a contratación de 21 persoas traballadoras.
Segundo informou en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, con esta achega, a Deputación de Pontevedra suma máis de 8,2 millóns de euros investidos xa este ano na contratación de 778 persoas en 50 concellos da provincia.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou un investimento de case 370.000 euros dentro da cuarta relación da liña 2, destinada a amortizacións, gasto corrente e actividades. Os concellos beneficiados nesta ocasión son os de Baiona, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Lalín, Moaña, Poio, Salceda de Caselas e Soutomaior, que contarán con investimentos no marco da liña 2
ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA
Por outra banda, o Goberno provincial tamén aprobou os convenios con outros doce concellos dentro do novo contrato para que poidan seguir prestando servizo de atención electrónica. Son os municipios de Soutomaior, Silleda, Mos, Gondomar, Tui, A Cañiza, Barro, Portas, Vilaboa, O Rosal, Rodeiro e Mondariz.
Con estes novos convenios, a Deputación leva xa aprobados no que vai de ano 42 acordos con entidades locais para a prestación deste servizo. Desde que no 2016 a institución provincial puxo en marcha este servizo, son 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades os que se adheriron.